viernes, 12 de abril de 2013

Limiar Teatro presentará a vindeira semana en As Pontes o proxecto Verbum Fahrenheit

• A obra, que conta co respaldo económico do Concello de As Pontes, pretende achegar a cultura galego – portuguesa a estudantes e cidadanía en xeral O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira de Cultura, Sara Ramos, presidiron hoxe a presentación en As Pontes da obra Verbum Fahrenheit, que a compañía Limiar Teatro traerá ata o municipio a vindeira semana, e que conta co patrocinio da administración local. Os representantes municipais contaron coa compaña do propio director deste texto, Fran Núñez, e un dos actores protagonistas: o pontés Pepe Soto, xa coñecido polos seus diferentes traballos en series da Televisión de Galicia en diferentes proxectos teatrais. O primeiro edil agradeuce a implicación cultural do propio Pepe Soto, debido á súa gran profesionalidade e duro traballo por vivir do mundo da interpretación e adiantou a intención do executivo que dirixe de continuar a investir en cultura. Así as cousas, o Concello de As Pontes destinou 18.000 euros a este proxecto, e é que, segundo puntualizou o primeiro edil, o cabildo que dirixe continuará a investir en cultura, en prol da evolución e educación da sociedade, aínda que iso implique retrasar un proxecto doutra índole ou incluso algunha obra. Pola súa parte, a concelleira Sara Ramos definiu Verbum Fahrenheitcoma unha obra diferente, novidosa e que rompe coas convencionalidades e agradeceu a presenza en As Pontes deste importante proxecto que chegará, a vindeira semana, ao alumnado de Educación Secundaria de As Pontes e tamén ao público en xeral, mediante varias funcións gratuítas. Verbum Fahrenheit O proxecto Verbum Fahrenheit naceu hai tres anos, ao abeiro da Casa das Palabras de Vigo e ao programa educativo Ponte nas Ondas, que busca promulgar a riqueza das culturas galega e portuguesa, mediante a oralidade. Así, segundo explicou o actor Pepe Soto, este texto baseado na obra de Ray Bradbury, pretende fomentar a literatura galego – portuguesa, aunando música, poesía e tamén interpretación en vivo, pero implicando ao público e dando lugar a unha obra moi participativa, protagonizada por dous homes encadeados por ler libros. Toda unha aposta pola oralidade que, tal e como subliñou Soto, non sería posible sen o apoio do Concello, ao que agradeceu a súa colaboura nun tempo de crise no que non é tan sinxelo lograr fondos para o mundo da cultura. Fran Núñez, tamén participante nesta presentación, é o encargado de dirixir este proxecto que definiu coma arriscado pero cun gran fin pedagóxica xa que o que se busca é achegar, sobre todo aos escolares, os grandes textos de Manuel Antonio, Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros, conxuntamente con populares cancións galegas, propias do rexurdir da cultura galega e que, a día de hoxe, xa chegaron a máis de 70 centros educativos de toda Galicia, e que proximamente tamén se levarán a Brasil e Portugal. Verbum Fahrenheit estará na Casa Dopeso de As Pontes o mércores, xoves e venres, con pases para os diferentes centros educativos ponteses, aínda que o público en xeral poderá desfrutar gratuitamente desta cita o día 19 ás 21.00 horas, o día 20 ás 20.00 horas e, finalmente, o día 21 tamén ás 20.00 horas. Asemade, tamén se desenvolverán diferentes actuacións ao longo da semana nos Xardíns do Campo da Feira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario